Xa ben máis de dous anos que as ecoloxistas mirábamos con preocupación o proxecto de Altri, aínda que daquela falábanse marabillas do proxecto. “Unha biofábrica de fibra textil ecolóxica” dicían, sen aforrar en calificativos, cada cal máis ecoglamuroso.

Aínda que o proxecto ubicábase inicialmente na Mariña lucense, pronto deu o salto á comarca da Ulloa, na ribeira do río Ulla. A auga xunto co eucalipto son as materias primas esencias para a produción de celulosa. Para o eucalipto valería calquera recuncho, o país está colonizado de norte a sur ben polo glóbulo ou polo nitens. Para a auga que mellor que o Ulla, un dos ríos máis caudalosos no corazón da Galiza.

Prendieron as alarmas cando a promotora do proxecto solicitou a concesión de captación de augas e o permiso de vertedura industrial. Os caudales solicitados amosaban a magnitude do proxecto. Unha captación diaria de 46 mil m3, máis auga que a que bebe a poboación da provincia de Lugo no día. Gran parte da auga captada regresaba ao río como residuo dos procesos de fabricación. Unha vetedura de 30 mil m3 diarios que arrastraría produtos químicos e unha gran carga orgánica e que, ademais, provocaría un aumento moi prexudicial da temperatura augas abaixo do punto de vertedura.Non é a única afección, tamén emitirá a atmósfera xofre reducido total, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado.

Aínda así, por aquela, todos os grupos parlamentarios do país seguían marabillados co proxecto. Se antes aprobaran da man a declaración de proxecto estratéxico, nada máis comezar este ano, os tres partidos demandaban no parlamento galego que “Madrid” sufragara o proxecto con 250 millóns de euros de diñeiro público dos PERTE. Un tercio da inversión total.

Unhas cantas semanas despois, a Xunta fai pública a documentación do proxecto, aparellada na súa tramitación. A glamurosa biofábrica resultou ser unha macrocelulosa. Unha pasteira dez veces maior que a planta de ENCE en extensión e tres veces en produción. O proxecto GAMA de Atri-Greenfeaber, así comezou a chamarse, era unha macro fábrica de 400 mil toneladas ano de celulosa e 200 mil de Lyocell.

As voces da comarca críticas co macro proxecto, antes inaudibles, comezaron a ecoar con forza. Agrupadas na plataforma Ulloa Viva emprenderon a tarefa de explicarlle á veciñanza a gran ameaza que se cernía sobre o futuro da comarca. A Ulloa, principal comarca afectada, así cómo as lindeiras, son un territorio rural baseado nunha economía agroganadeira tradicional e os sus elaborados. Tamén nun florecente ecoturismo ao paso do Camiño francés.

Ambas actividades económicas se verían gravemente afectadas tanto polo impacto ambiental como polo efecto na paisaxe. O proxecto de Altri, ademais de afectar a varios espazos da rede Natura 2000 e provocar unha maior eucaliptización do noroeste peninsular, pon en perigo o sector primario galego.

A plataforma Ulloa Viva conseguiu canalizar a pulsión e efervescencia da veciñanza indignada tanto pola magnitude do proxecto en si, como por ter sido enganada desde a administración. Nun tempo récord, digno de estudio, a veciñanza gañou o relato. A sociedade e a prensa fixo de seu o término Macrocelulosa relegando ao esquecemento aquilo de “biofábrica ecolóxica”. Alcaldes e concelleiros do Partido Popular da comarca recuaron, ao PSdeG entraronlle moitas dúbidas e o BNG deu un ovacionado xiro copernicano para opoñerse con todas as súas forzas ao proxecto. Incluso facendo de Altri Non o eixo da recén campaña electoral europea.

Para coñecer como se articulou tan rápido e con tanta forza este movemento de resistencia veciñal falamos con Zeltia Laya, voceira da plataforma e unha das integrantes do grupo semente que exerce de coordinación.

Viento Sur: O tema de Altri leva un máis de dous anos enriba da mesa e ao principio apenas había oposición ao proxecto. Tamén é certo que moi pouca información e a pouca que se deu, difería moito do proxecto real. Cal foi o punto de inflexión que levou a esa eclosión do movemento contra Altri?

Zeltia: A primeira vez que temos información do tema é en abril de 2022. Ao principio vendeuse nos medios como un proxecto verde, ecolóxico, de fibras textiles vexetais que ía xerar moitos postos de traballo e aumentar a riqueza da zona. A partir de aí, nós como persoas que empezamos a reunamos por cuestións que tiñan que ver co rural, decidimos en decembro de 2022 solicitar unha xuntanza co Concello de Palas, coa Xunta e coa empresa para que viñeran explicar estas cuestións. Só acudiu o Concello de Palas que tiña a mesma información que nós, a que chegaba a través dos medios. A empresa dixo que agardaban poder reunirse connosco en xaneiro de 2023 pero pasou un mes e outro e non soubemos nada máis ata que en decembro de 2023 fíxose público o tema da captación de augas. Nós preparamos outro convite en decembro e aí xa non apareceu nin o Concello de Palas.

En marzo saiu o impacto ambiental e entón a cidadania comezou a amolarse porque ninguén lles informara. “Por que se o proxecto era tan bo ninguén nos explicaba nada?” Ese é o momento no que a través do activismo que fixemos a nivel rural empeza a haber medo nas personas afectadas. O medo é potente, pode paralizar, pero pode activar tamén.: “Teño que facer algo, teño fincas que me van destrozar”. Cando comeza a haber prazos públicos para poder alegar, a xente comeza a informarse, organizarse e activarse, xa que descubren que a realidade non é como nola contaron. Isto axudou a que outros colectivos ecoloxistas e sociais se sumaran e despois chegaron os partidos políticos.

VS: En xaneiro deste ano houbo unha nova votación no parlamento galego na que todos os partidos votaron pedindo que o Goberno do Estado financiase o proxecto de Altri.

Z: Os partidos non dan o paso ata que non ven unha mobilización social potente, cando o traballo xa está feito.

VS: Cando se comeza a clarificar o proxecto e aparece unha macrocelulosa, modifícase a percepción, e relaciónase coa loita histórica contra ENCE. Cunha rapidez nunca vista créase un movemento de resistencia que obriga a virar a posición de partidos e sindicatos. Como acolledes vós a eses recén chegados?

Estamos aprendendo muito desta xestión, cando todo o mundo comeza a sumarse tivemos que facer un traballo moi potente de aclaración, canalizar as cuestións que nos chegaban, xa que estabamos desbordadas. Creamos grupos de traballo, chamados “grupos vivos” para derivar estas peticións e organizar á xente, canalizando esas enerxías para que fosen efectivas e durasen máis no tempo. Creamos un equipo de medios moi potente para artellar un discurso de mínimos que exportar. Somos apartidistas, aínda que sabemos que esta é unha cuestión política, e inclusivas, e acadar ese equilibrio custa, pero nos permitu construír este movemento tan grande.

Canalizar estas cuestións organizativas custa para as persoas que non temos unha tradición activista. Queremos que se integre ben a maneira de traballar que temos como plataforma coas estructuras de partidos e sindicatos, creando unha rede rural moi importante, queremos que se frague algo de xeito sólido.

VS: A min sorprendeume moito como esa forma de combinar asemblearismo con grupos de traballo permitou sacar notas de prensa con moita calidade e gran capacidade comunicativa nun ámbito rural. Vós tecedes alaianzas e primades a vosa demanda que é a que aglutina, pero ademais podedes espertar conciencia para atender outras problematicas ecoloxicas.

E cuestión de vontade. Sumóusenos xente moi diversa con moitas capacidades: desde xornalistas a técnicas de augas. Isto deunos moita forza, coñecendo veciñanza que non coñecíamos, permitounos tecer rede saíndo por un motivo que nos permite traballar cóbado con cóbado. Adquirimos moitas aprendizaxes en pouco tempo.

O das alianzas é moi importante, hai que mantelas seguindo coa nosa mensaxe central, fiando para manter a unidade de obxetivos e aglutinando intereses diversos.

VS: Houbo un revirar de moitos concellos que apostaban por este proxecto e de repente comezan a cuestionalo. Como conseguíchedes traballar este tema para conseguir esta mudanza de opinión tan rápida.

Desde o comezo tentamos que os concellos da zona cero se posicionaran . O feito de que a empresa non informara e nós fixéramos esa labor de información e aclaración con técnicos independentes fixo que a xente se fiara de nós e, o cabreo de ser concello afectado e non sabelo, pola falta de información, xogou ao noso favor nese cambio de posición.

VS: Eles (Altri) tentaron facer unha serie de palestras pra facer propaganda do proxecto. Como conseguíchedes contrarrestalas?

Levábamos unha listaxe de preguntas para que as respostaran. A posta en escena deles era realmente cutre, para ser unha empresa tan importante, non tiñan datos, non sabian respostar as preguntas e cando os interpelabamos marchaban. Fixeron 3 charlas e suspenderon todo, decidindo informar só de maneira particular. A nosa resposta foi, “non queren informar, pois facemos nós ese traballo”. As persoas técnicas que colaboran con nós desvelaron moitos erros deste proxecto.

VS: A Xunta e a empresa foron moi torpes na comunicación coa sociedade, deron o tema como algo feito, confiouse. Agora virán moito máis sibilinos para convencer á xente.

Pensaron “aquí non hai ni dios, hai despoboamento rural” e levaron unha sorpresa. Agora a Xunta ten un papel paternalista, dicindo A Altri “deixádeme a min, hai xente cabreada pero non vos preocupedes porque son os meus votantes”. É moi importante visibilizar que hai xente do PP dentro da plataforma porque ao PP pode afectarlles que haxa xente súa protestando.

VS: Que expectativas de mobilización tedes a curto prazo? Como ides manter o pulso?

De cara ao verán a nivel de comarca estamos pensando en facer obradoiros, coloquios, cinema de verán sobre cuestións ambientais, formacións asemblearias, serigrafía de camisetas, actividades máis lúdicas que axuden a que haxa unha implicación familiar, o cal no rural é clave. O importante é non perder enerxía, xa que o tema vai para longo e precisamos dosificar.

Estamos nos momentos doces de pulsión e efervescencia deste movemento de resistencia, Aínda que sabemos que vo refluxo traerá momento máis pausados, desde o ecoloxismo combativo causanos unha enorme satisfacción apreciar a enorme capacidade de autoorganizacion e resistencia no rural galego e ver que está impulsado por xente moi xove, moi concienciada e da que estamos aprendendo. Hai relevo, compañeiras e iso debe impulsarnos a seguir loitando por alcanzar o noso horizonte.

Cristóbal López e Xaquín Pastoriza, activistas de Ecoloxistas en Acción e Anticapitalistas Galiza.

(Visited 71 times, 1 visits today)